Concello de Parada de Sil

Historia de Parada de Sil

Na parroquia de Caxide está situado o mosteiro benedictino de Santa Cristina, de orixe desconocido, probablemente eremítico, un dos cenobios que deron lugar a que foran designadas a ribeiras do curso superior do río Sil co nome de “Rivoira Sacrata” (como poéticamente lle chamaba nun falso diploma da raíña Teresa de Portugal).



Destaca pola súa indiscutible beleza tanto o mosteiro como a igrexa emprazada nun dos meandros que o río Sil forma ó bordear o monte Varona, nunha pequena península cuberta por un vello e frondoso souto de castiñeiros.

Estas ribeiras do curso superior do Sil, foron sempre refuxio de eremitas e por iso, no século IX, fundouse coa definitiva estrutura monacal o de Santa Cristina segundo consta na doazón que a igrexa de San Juan de Bisantes fai ó mosteiro no ano 876 (oitocentos setenta e seis) o presbiterio Austegio sobriño do bispo de Lugo, Juan. Os autores retrotraen a súa fundación ás épocas de San Martín Dumiense. Os reis Alfonso VI e Alfonso VII conceden privilexios de coto ó mosteiro, polo que cederán terras e vilas con xurisdición civil e criminal, pasando a depender do abade. 

Ata o ano 1.518 (mil cincocentos dezaoito) tivo total independencia, pasando a partires desa data a depender, como priorato, do veciño mosteiro de San Estevo de Ribas do Sil.

O asombro do visitante que se arrisca por aqueles paraxes non pode ser máis acolledor ó atoparse co fermoso edificio románico, conservando en toda a súa pureza os elementos arquitectónicos despois de tantos anos de abandono, incuria e depredación, sobre todo a partir do século XIX con motivo da desamortización, ademais da súa inaccesibilidade hoxe solventada unha estrada duns dous kilómetros desde Parada de Sil pasando polo pobo de Castro, o máis inmediato ó Mosteiro.

Desde que Santa Cristina pasou a depender do cenobio de San Estevo de Ribas de Sil, convertíndose en Priorato, Parada de Sil, capital do Concello, ocupou un lugar importante dentro desta vinculación, radicando no pobo a granza do priorato que todavía persiste co seu fermoso arco de entrada de medio punto, de fortes dovelas, rematado nun frontispicio que leva adosado un escudo cuartelado que ten como timbre un capelo do que colgan tres borlas de cada lado, o que se identifica como de abade.

Este mismo escudo repítese nun dos muros da casa – granxa do priorato, aínda que neste caso a forma do mesmo, sen timbre, presenta as características dun escudo do século XVIII.

O escudo é cuartelado e nel figuran, no primeiro e último, as nove mitras de San Estevo de Ribas de Sil que recordan ós bispos que renunciaron ás súas respectivas sedes, no século X, e que segundo a tradición foron soterrados no denominado Clautro dos Bispos do citado mosteiro e que, obviamente, pasaron ó escudo pola vinculación de Santa Cristina ó outro cenobio benedictino. O curioso, neste caso, é que en vez de situarse como en San Estevo, é dicir, 3,3,3, figuran cinco no primeiro cuartel e os restantes catro no último.

No segundo cuartel aparecen seis roeles postos en pau, moi erosionados e deformados, que alude á familia Castro e que sen dúbida pertence ó condado de Lemos, xa que estas terras das marxes do Sil, pertenceron ó citado Condado e en Castro Caldelas posuían o Castelo dende o que dominaban o seu territorio.

Finalmente no terceiro cuartel aparece unha mau que suxeita unha palma surmontada dunha coroa real que pertence o escudo de Santa Cristina do Sil e alude ó martirio da santa, así como a orixe da súa fundación.

Este Concello, antes de chamarse Parada de Sil, denominouse Chandrexa de SacardeBois ou Sacardebois, ata que trala división de Galicia en catro provincias na primeira metade do século XIX, pasou a pertencer á provincia de Ourense e tomará o seu nome actual.

A ponte medieval que se pode contemplar na parroquia de Forcas e un bo exemplo da importancia desta zona no medievo; grazas, especialmente, ó Mosteiro.

En diversos lugares do concello podemos contemplar diferentes exemplos de arte rural galego. Como os petos de ánimas, sendo os máis interesantes os de Cimadevila, Couto e Teimende. Ambos teñen unha construción de enormes sillares en forma rectangular e coroados por unha cruz. Tamén podemos destacar o Cruceiro de Forcas, asentado sobre unha roca que fai ás veces de base.