.
Xoves, 08 Setembro 2022 15:36

PARADA DE SIL CONTA CUN NOVO APARCADOIRO PÚBLICO NO CENTRO DA VILA E ZONAS VERDES

 
Ocupa un solar de 2.100 metros cadrados no centro da vila e a obra tivo un custo de 180.000 euros
 
O Concello de Parada de Sil conta cun novo aparcadoiro público, un espazo que se habilitou nun solar de algo máis de 2.100 metros cadrados, que foi visitado e inaugurado pola Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada polo Delegado Territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.
 
A urbanización deste espazo consistiu na creación dunha área de aparcamento con capacidade para máis de 50 turismos e zona de carga para vehículos eléctricos. Empregouse pavimento acorde co ámbito rural no que se encadra —concretamente, sábrego de cemento, laxa e granito—, e rodeouse de zonas verdes con mobiliario e outros servizos urbáns.
 
Cun orzamento de preto de 180.000 euros, dos cales o 70 por cento foi achegado pola Xunta de Galicia, o convenio enmárcase nos obxectivos do plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta de Galicia fai máis dunha década para axudar ás entidades locais a executar proxectos urbanísticos destinados á creación, mellora e humanización de infraestruturas de uso público e colectivo.
 
A conselleira subliñou, por outra banda, que grazas a esta iniciativa, “dende 2010 a Xunta comprometeu máis de 162 millóns de euros para o financiamento de máis de 380 intervencións urbanísticas en decenas de concellos, para actuacións dirixidas a habilitar ou recuperar equipamentos municipais e poñer en valor as contornas urbanas”.
Ademais, esta actuación está recollida no Plan de Acción Estratéxico da Ribeira Sacra, impulsado pola Consellería, en colaboración con 30 concellos de Lugo e Ourense, para fortalecer ferramentas como a definición dun instrumento de ordenación territorial, a integración de medidas de protección dos valores naturais e o desenvolvemento de accións de rehabilitación en materia de vivenda. 
 
  
 
 
 
Vostede está aquí: Home Máis novas e eventos Novas PARADA DE SIL CONTA CUN NOVO APARCADOIRO PÚBLICO NO CENTRO DA VILA E ZONAS VERDES