.
Martes, 30 Xaneiro 2018 23:30

PARADA VOLTA A “XANTAR” PARA PROMOVER A GASTRONOMÍA E O SEU PATRIMONIO

O concello de Parada de Sil estará presente un ano máis na feira gastronómica de Xantar, que organiza Expourense, no convencemento de que “se trata do mellor escaparate posible para darse coñecer”, segundo apunta a alcaldesa, Yolanda Jácome, que se basa “na experiencia acumulada ó longo da última década, na que a presencia de Parada neste certame é xa unha cita clásica que nos permite expor as virtudes do concello, máis alá da propia gastronomía”.

Este ano o día de Parada de Sil na feira será o día 1 de febreiro, xoves, no que terá presenza o concello no acto institucional que terá lugar ás 12,30; rematado o mesmo, veciños e asistentes serán convidados a un pincho no stand do concello, no que a castaña terá un papel protagonista, xa que estará presente na tortilla de patacas, na masa do pan que acompañará ós canapés, así como nas croquetas.

Aproveitando a feira gastronómica e apostando, como xa é habitual, pola posta en valor do patrimonio material e inmaterial, a partires das 12,30 levarase a cabo a presentación aos medios e ó público interesado do documental que leva por título “Alma” e que amosa impresionantes tomas da paisaxe da Ribeira Sacra na zona do mosteiro de Santa Cristina, ensambladas con esceas pertencentes ó proceso de gravación do disco con pezas interpretadas en concertos do ciclo “Sons da Pedra” dentro do mosteiro, no que participaron destacados artistas de fama mundial, que amosaron o seu asombro polas condicións acústicas do recinto.

No stand do Concello de Parada de Sil poderase mercar os viños das tres adegas ubicadas no termo municipal: Ronsel do Sil, Bellaleira  e Valcar, castañas secas O Curtiñeiro, Bica tradicional de améndoa e de castaña da Panadería Rosa Sánchez, licor  de café e de herbas da adega Icatú, Chocolates Casares do Museo do chocolate e o disco  “Sons da terra” gravado no Mosteiro de Santa Cristina.

Vostede está aquí: Home Máis novas e eventos Novas PARADA VOLTA A “XANTAR” PARA PROMOVER A GASTRONOMÍA E O SEU PATRIMONIO