.
Xoves, 25 Outubro 2018 18:48

O PROGRAMA “TOPONIMÍZATE” CHEGA A PARADA O 23 DE NOVEMBRO PARA EXPLICAR A ORIXE DO NOME DOS POBOS E LUGARES DO CONCELLO

A segunda edición de ‘Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra’, que botou a andar o 24 de outubro en 15 concellos da Rede de Dinamización Lingüística, chegará a Parada de Sil o próximo 23 de novembro. A iniciativa, posta en marcha o ano pasado con grande éxito de acollida e participación, ofrece outros tantos encontros en aberto dirixidos á cidadanía en xeral nos que persoal técnico especialista en toponimia pon en valor a microtoponimia, co obxectivo de concienciar sobre a importancia e a necesidade da xeorreferenciación e xeolocalización deste patrimonio inmaterial.

A acción enmárcase nos proxectos Toponimia de Galicia e GeoArpad, impulsados dende a Xunta, que coordinará por primeira vez a Real Academia Galega (RAG) en colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo. Así o explicou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen recordou que “a toponimia e a microtoponimia forman parte do patrimonio inmaterial dos e das galegas, unha grande riqueza e obra colectiva que non podemos deixar esmorecer”.

Na primeira edición foron quince os concellos que acolleron os encontros (A Coruña, Arteixo, Boqueixón, Lousame, Melide, Miño, Vedra, Palas de Rei, Sober, O Carballiño, Ourense, Cangas, O Grove, Silleda e Viveiro); nesta segunda serán outros quince os que reciban as conferencias do filólogo Vicente Feijoo, especialista en toponimia e membro do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega: Arzúa, Brión, Cariño, Muros, Castro de Rei, Cospeito, Foz, O Páramo, Celanova, Parada de Sil, Xinzo de Limia, A Lama, Moaña e Ribadumia. En Parada terán lugar o 23 de novembro ás 17,30 horas no salón de plenos da Casa Consistorial.

Nelas falarase de toponimia galega (os motivos da abundancia de nomes de lugar no país, a toponimia galega como patrimonio inmaterial) e tamén da propia de cada concello (significado dos nomes das parroquias e das aldeas; como consultar a toponimia xeorreferenciada de cada municipio no Buscador de topónimos, así como as utilidades desta ferramenta).

Vostede está aquí: Home Máis novas e eventos Novas O PROGRAMA “TOPONIMÍZATE” CHEGA A PARADA O 23 DE NOVEMBRO PARA EXPLICAR A ORIXE DO NOME DOS POBOS E LUGARES DO CONCELLO