O tradicional belén xigante de Parada de Sil volve estar en condicións de ser visitado polo público, segundo o concelleiro de Cultura, Francisco Magide, despois dos traballos de reforma levados a cabo. A recompilación de figuras fu elaborada por José María Campo Ferreiro, un artesán local autodidacta que creou coas súas mans peza a peza, utilizando materiais como barro sen cocer ou cartón. O ano pasado, a administración local tomou a decisión de efectuar unha rehabilitación e conservación do mesmo, dado o seu estado de deterioro debido ó paso dos anos.
Os traballos duraron catro meses e estiveron supervisados por Gonzalo Buceta e Carmen G. Feito. Ademais destas actuacións, a exposición do belén xigante contou co engadido de 25 metros de luces LED e cinco focos, que reparten a iluminación por todos os elementos, ademais dun sistema de circulación de auga e desaugadoiro nos muíños e ríos, algo do que antes carecía.
O belén atópase xa instalado na capela de San Ramón e pode ser visitado de luns a domingo de 10,00 a 13,00 horas e de 16,00 a 19,00 horas.