.
Domingo, 24 Xaneiro 2021 23:51

O CONCELLO CONVOCA A NOVENA EDICIÓN DO CONCURSO DE MICRORRELATOS RIBEIRA SACRA-PRADA DE SIL

O concello de Parada de Sil ven de convocar a novena edición do concurso de microrrelatos “Ribeira Sacra-Parada de Sil”, que estará aberta para a presentación de traballos ata o próximo 30 de marzo de 2021. O fallo do xurado darase a coñecer o 7 de maio, en tanto que a entrega de premios terá lugar o 15 do mesmo mes no salón de actos do concello, durante o acto de celebración das Letras Galegas que cada ano celebra o concello de Parada.

De acordo cas bases, o certame concederá tres premios, o primeiro dotado con 1.000 euros; o segundo, con 500 euros e o terceiro con 300. O xurado, como é habitual, estará presidido polo escritor, catedrático e hispanista Antonio Carreño e integrado por persoas de recoñecida solvencia no mundo das letras e a literatura.

A gañadora da última edición (2020) foi a palentina Encarna Ruíz Rodríguez, co traballo “Una vida de película”, baseado no título de filmes recoñecidos no mundo do cinema. A autora fíxose co premio despois de que o xurado considerara a sua obra a mellor dos 1.044 traballos presentados a concurso, que supuxeron un récord de participación e tamén de lugares de procedencia, que abarcaron todas as comunidades españolas, Europa, América e ata Israel.

A entrega de premios da VIII edición desenvolveuse nun acto atípico, adaptado ás normas restrictivas derivadas da pandemia da COVID 19. Neste senso, tanto o alcalde, Aquilino Domínguez, como o concelleiro de Cultura, Francisco Magide, amosan a sua confianza de que na edición de 2021 sexa posible recuperar a normalidade para a cerimonia de entrega de premios e de celebración das Letras Galegas, que pola sua importancia e repercusión xa ten acadado un lugar destacado no panorama literario e cultural da provincia de Ourense. (Na fotografía, os premiados co xurado, ademáis do alcalde e o concelleiro de Cultura de Parada de Sil na entrega de premios correspondentes á edición de 2020). (Para ler o contido completo das bases, pulse na sección concursos no fondo desta mesma páxina).

Vostede está aquí: Home Máis novas e eventos Novas O CONCELLO CONVOCA A NOVENA EDICIÓN DO CONCURSO DE MICRORRELATOS RIBEIRA SACRA-PRADA DE SIL