.
Sábado, 02 Febreiro 2019 19:40

PARADA DE SIL BUSCA A EXCELENCIA NA ATENCIÓN ÓS TURISTAS CUNHA GUÍA DE BOAS PRÁCTICAS PIONEIRA

O Concello de Parada de Sil quere acadar a excelencia no trato ós turistas que se achegan ata os enclaves de interés do municipio, a base de uniformizar a estratexia dos profesionais cos que estes entran en contacto, pero tamén cos veciños en xeral. Para elo editou unha novedosa Guía de Boas Prácticas, convertida en instrumento para mellorar o valor ofrecido ó cliente con experiencias que diferencien e potencien a personalidade e o posicionamento do territorio de Parada.

Para elo, segundo explicaron en rolda de prensa a alcaldesa, Yolanda Jácome, e o concelleiro de Cultura, Francisco Magide, “unha boa práctica deve comezar por coñecer os recursos cos que contamos, valoralos e saber transmitilos ao visitante para que disfrute da súa estancia entre nós e sexan mentores ou mentoras das bondades e do bon trato que dispensamos a cantos se achegan o concello”, segundo afirmou, lembrando que un dos primeiros problemas a resolver en boa parte da sociedade galega, ainda que “en Parada xa o temos case superado”, é “crer nos nosos propios recursos” e gabarse deles. Trátase dun tríptico baixo o título xenérico de “Manual de Boas Prácticas. Camiñando cara a excelencia”, concebido e elaborado pola empresa Filbotei Comunicación, cun deseño do estudio BE-DO, que lle confire un aspecto sinxelo e ameno e de fácil consulta. Este manual, segundo o concelleiro de Cultura será repartido entre os negocios locais e tamén entre a poboación en xeral.

Entre os obxectivos principais da Guía figuran a promoción das boas prácticas na xestión da actividade económica vencellada ó turismo, protección e conservación do abundante e variado patrimonio, fomento entre os visitantes do aprecio e respecto pola nosa riqueza e contribuir a que “quenes nos visitan vivan experiencias que os motiven a repetir e se convirtan en aliados nosos espallando as bondades que atoparon”, segundo o concelleiro de Cultura.

APOSTA POLO PATRIMONIO

En palabras da alcaldesa, a Guía de Boas Prácticas “é consecuencia de dez anos de traballo no que se foron poñendo as bases para a xeración dunha economía sostible e rendible a base de facilitar condicións axeitadas para o asentamento de empresas no sector da agroalimentación: castañas, viño e licores, fundamentalmente, xunto co da hostelería”.

Paralelamente impulsamos a promoción de Parada na sua condición de corazón da Ribeira Sacra, poseedora dun incalculable patrimonio histórico, cultural e natural nas ladeiras do Sil e o Mao. Neste senso, temos como santo e seña o Mosteiro de Santa Cristina, Os Balcóns de Madrid ou os miradoiros de Triguás, Cabezoás e Castro; a Fábrica da Luz e a Pasarela do Mao, ou a área recreativa de Pradomao. En 2015 incorporamos ó noso acervo a Casa-Museo do Chocolate de Teimende, única da sua categoría en Galicia, montado na antiga fábrica de chocolates da familia Casares, hoxe cedida ó Concello. Todos eles son enclaves de referencia hoxe no turismo rural, cada vez máis arraigado na sociedade.

Todo elo foi xerando un importante fluxo de visitantes que deron lugar a apertura de novos establecementos e negocios que xeraron movemento económico e detiveron a deriva de esmorecemento na que estábamos inmersos.

“Como os recursos económicos son sempre escasos -manifestou Yolanda Jácome-, e o número de turistas se incrementaba exponencialmente –para pór so un exemplo, baste dicir que Santa Cristina recibe case 50.000 visitantes anuais-, fomos conscentes de que para manter ese fluxo era preciso esmerar a atención a quenes se achegaban ata nós. Por elo, hai xa catro anos organizamos unha xornada aberta para hostelería e empresas, pero aberta á poboación, na que se trataba de chegar á conciencia colectiva, sobre a importancia do que estaba a acontecer”.

Lembrou a rexidora de Parada que “nestes momentos recibimos un alto número de turistas e contamos cunha infraestructura crecente, respaldada polas accións de promoción do patrimonio histórico, cultural e natural do concello, que se atopa no corazón da Ribeira Sacra, que nestes momentos está declarado BIC e aspiramos a que logo poida ser Patrimonio da Humanidade”. Así que “queremos persistir nesa laboura, porque o éxito é posible na medida en que cada un poñamos de nosa parte o mellor. E estamos seguros de que o imos lograr”.

Vostede está aquí: Home Máis novas e eventos Novas PARADA DE SIL BUSCA A EXCELENCIA NA ATENCIÓN ÓS TURISTAS CUNHA GUÍA DE BOAS PRÁCTICAS PIONEIRA