.
Mércores, 05 Xuño 2019 18:00

A BIBLIOTECA DE MESOPOTAMIA INCORPORA ÓS SEUS FONDOS "O LIBRO DA RIBEIRA SACRA", DE EMILIO ARAÚXO

A Biblioteca de Mesopotamia incorporou ós seus fondos o “Libro da Ribeira Sacra”, de Emilio Araúxo, considerada unha das grandes obras da poesía contemporánea, imbricada no rural galego e nomeadamente no entorno da Ribeira Sacra. O acto organizado polo concello de Parada e a editorial Chan da Pólvora, tivo lugar na adega Ronsel do Sil, de Sacardebois, que dirixe a arquitecta e enóloga María José Yravedra e nel estiveron presentes, ademáis do propio Araúxo, o crítico literario Arturo Casas; Antón Lopo, director da Chan da Pólvora, e alma mater do proxecto da Biblioteca de Mesopotamia; o concelleiro de Cultura de Parada de Sil, Francisco Magide; o alcalde de Pantón, José Luis Álvarez; o presidente da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez; o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e Celso Fernández Sanmartín, poeta e narrador oral, estreitamente vencellado á tradición que Araúxo representa, así como Yolanda Jácome, alcaldesa de Parada, e rexedores e concelleiros de cultura dos concellos da Ribeira Sacra, xunto con xentes do mundo da arte e a cultura.

A inclusión do “Libro da Ribeira Sacra” na Biblioteca de Mesopotamia, segundo Antón Lopo, consolida este proxecto como “un instrumento único en Galicia para crear sobre a xeografía da rexión silomiñota unha luminosa paisaxe literaria”.

Como é habitual xa nos actos da Biblioteca foron nomeados novos bibliotecarios de honra, que nesta ocasión foron María José Yravedra, propietaria de Ronsel do Sil; Braulio Vilariño, impulsor do Instituto de Estudos Ulloáns; e Antonio Carreño, catedrático emérito da Brown University e fillo predilecto de Parada. Como bibliotecarios directos entraron Arturo Casas, Francisco Magide e máis Emilio Araúxo. Entre os bibliotecarios de honra figuran a académica e catedrática Margarita Ledo, Claudio Rodríguez Fer, Francisco Albo, Roberto Varela, Elba Rei ou Olga Novo.

“O Libro da Ribeira Sacra”, é un volumen de case cincocentas páxinas, coidadosamente deseñado e incorporando elementos que redimensionan e encadran a obra. Por un lado, unha introducción de Arturo Casas, o máis prestixioso crítico literario galego, que da as claves da obra e da traxectoria do seu autor. Pola outra, a fotografía do monfortino Manuel Valcárcel. O resultado é un libro que é máis que a cartografía da rexión dos dous ríos, máis que o espazo histórico dunha comunidade e do seu idioma; tamén máis que a voz dunha cultura en extinción rescatada polo autor a través do sorriso e a emoción vibrante.

O autor, Emilio Araúxo, amosou a sua ledicia pola iniciativa, por cuanto contribúe a pór en valor a vida das xentes e o espazo da Ribeira Sacra e nomeadamente de Parada, a través da poesía, que é o canal ó través do que o escritor conduce as sensacións que lle xera a vivencia entre os homes e mulleres afincados nos pobos.

O obxectivo da Biblioteca de Mesopotamia é reconstruir unha paisaxe literaria sobre a xeográfica e apontoar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade. Trátase dun selo editorial impulsado por Chan da Pólvora Editora, co apoio do boa parte dos concellos da rexión, como Parada de Sil, O Courel, O Incio, Monforte de Lemos, Sober, Pantón, O Saviñao, Quiroga, Ribas de Sil, Pobra do Brollón e Castro Caldelas, as deputacións de Lugo e Ourense, a Xunta, así como distintas entidades.

Á esquerda, Francisco Magide na presentación do acto. No centro, Emilio Araúxo, e a dereita o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante a suas respectivas intervencións.

Vostede está aquí: Home Máis novas e eventos Novas A BIBLIOTECA DE MESOPOTAMIA INCORPORA ÓS SEUS FONDOS "O LIBRO DA RIBEIRA SACRA", DE EMILIO ARAÚXO