.
Mércores, 10 Febreiro 2016 18:14

PARADA BRILLOU A GRAN NIVEL NA SEGUNDA XORNADA DE “XANTAR” EN EXPOURENSE

Parada de Sil acadou un importante protagonismo na segunda xornada da decimoséptima edición do certame gastronómico Xantar, que tivo lugar en Expourense.

O stand municipal foi visitado pola comitiva oficial, integrada pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira; o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; a vicepresidenta da Deputación de A Coruña, Goretti Sanmartín; a alcaldesa de Parada de Sil, Yolanda Jácome, acompañada polo concelleiro de Cultura, Francisco Magide, e outros membros do equipo de goberno; a concelleira de Turismo de Ourense, Isabel Castelo, e os representantes de Porto e Norte, Carlos Ferreira, e da Cámara municipal de Vila Real, José María Magalhaes, respectivamente. As autoridades visitaron o stand de Parada, onde foron recibidas polas autoridades municipais e un bon número de empresarios, comerciantes e veciños desprazados para a ocasión.
 
 
Asimesmo, obtivo un importante éxito a oferta gastronómica do restaurante que representaba ao concello de Parada de Sil. O concello de Parada presentou pola mañán a Casa Museo do Chocolate de Teimende, a única destas características existente en Galicia, con presencia da alcaldesa, Yolanda Jácome, e o concelleiro de Cultura, Francisco Magide, xunto co xornalista Lalo Pavón, en representación da familia Casares, cesionaria do inmoble e a maquinaria da antigua fábrica de chocolates de Teimende. O acto contou cunha notable asistencia de público. Os representantes municipais anunciaron a colocación de sinais identificativas nas inmediacións do inmoble, así como a existencia de xestións avanzadas para fabricar chocolate destinado á venda, co nome das industrias Casares. Pola tarde, Yolanda Jácome, voltou a intervir na tribuna oficial do certame para suliñar o esforzo feito polo concello de Parada a través das acción postas en marcha para impulsar a actividade económica, da man, fundamentalmente, do turismo, a castaña e o viño.
 
Precisamente o viño foi protagonista pola tarde, pois María José Yravedra, responsable e “alma mater” da adega Ronsel do Sil, ofreceu unha cata dos seus caldos, que obtiveron unha excepcional acollida por parte dos participantes. 
Vostede está aquí: Home Máis novas e eventos Novas PARADA BRILLOU A GRAN NIVEL NA SEGUNDA XORNADA DE “XANTAR” EN EXPOURENSE